Proxectos artísticos significativos

O CEIP de Bretoña puxo en marcha nos últimos cursos un proceso de innovación co fin de actualizar a práctica educativa do centro. O profesorado participou en diferentes eixes formativos para poñer en práctica e adaptar á realidade dun centro rural marcos teóricos recoñecidos internacionalmente e metodoloxías activas como a aprendizaxe baseada en proxectos. Tamén se deseñaron estratexias de integración curricular e avaliación.

Miguel Ángel Martínez Rodríguez
CEIP de Bretoña (A Pastoriza - Lugo)

 

O CEIP de Bretoña é unha pequena escola rural con pouco máis de trinta alumnos repartidos en tres agrupamentos. Esta característica permítenos traballar dun xeito flexible, interdisciplinar e internivel.

Nos últimos tres cursos académicos emprendemos un proceso de innovación para actualizar as estratexias de ensino-aprendizaxe e adaptarnos aos requirimentos do modelo competencial. Un proceso que precisou a integración de metodoloxías activas e tecnoloxías aplicadas á educación.

Todo o profesorado do centro participou en dous eixes formativos: un plan de formación permanente do profesorado (PFPP)  e un grupo de traballo. O grupo de traballo Incluíndonos na ecuación do cambio. Emprender cara á educación do futuro  é un grupo heteroxéneo e diversificado, no que participan varios centros educativos da provincia de Lugo. As liñas formativas centráronse na innovación na aula e en novos métodos e metodoloxías que actualizaron a nosa práctica educativa.

Unha das primeiras accións que levamos a cabo foi a elaboración dun plan de proxecto de innovación e mellora para o centro. Definimos obxectivos, analizamos fortalezas e debilidades do noso centro, así como oportunidades e ameazas do noso contorno. Enumeramos uns obxectivos a curto e longo prazo, especificando as accións e recursos necesarios para acadar estes obxectivos e tamén as ferramentas de control e avaliación apropiadas.

Os marcos teóricos que estudamos e puxemos en práctica foron: o modelo SEM (modelo de enriquecemento escolar de Joe Renzulli) e a cultura e visualización de pensamento (Project Zero, Harvard Graduate School of Education).

Unha das principais innovacións que levamos a cabo foi a actualización do rol do profesorado e do alumnado. Os estudantes pasaron a ser protagonistas activos da súa aprendizaxe e o docente un guía facilitador. Partindo de metodoloxías activas como a ABP (aprendizaxe baseada en proxectos), preguntámonos como poderiamos levar máis alá a elaboración de produtos ou como poderiamos crear experiencias realmente auténticas e significativas nas nosas aulas.

No plan de innovación tamén incluímos a necesidade de integrar curricularmente todas as accións que realizásemos e, finalmente, o estudo do currículo supuxo unha oportunidade para a innovación e a mellora. Deseñamos varias estratexias, para o que elaboramos no grupo de traballo unha táboa de integración curricular onde relacionamos os exercicios, actividades e tarefas cos elementos curriculares e os estándares de aprendizaxe.

Táboa de integración curricular

 

A relación entre estándares de aprendizaxe e competencias clave permitiunos elaborar un perfil competencial para cada proxecto e calcular os niveis competenciais dos estudantes.

No grupo de traballo baseámonos na seguinte definición de proxecto sintetizada pola coordinadora Sonia González Varela:

Un proxecto implica un conxunto de accións dirixidas a desenvolver de xeito creativo unha idea ou produto con valor significativo nun contexto real, desenvolvendo os intereses e adecuándose ao contexto.

Desde a escola podemos crear condicións educativas favorables que estimulen a interacción das distintas variables do talento. Os proxectos permiten moverse facilmente en diferentes ámbitos poñendo en práctica coñecementos e habilidades xa existentes e promoven a adquisición de novas competencias, estendendo o pensamento, a comprensión e a creatividade.

Segundo a clasificación de Joe Renzulli, os proxectos inclúen accións de:

  • Tipo I. Actividades de exploración e descubrimento de intereses.
  • Tipo II. Actividades de execución: exercicios, actividades e tarefas.
  • Tipo III. Actividades de presentación ante unha audiencia real máis alá da clase.


Algúns exemplos dos proxectos elaborados nestes anos foron:

  • Edición de libros. Proxecto no que o alumnado elaborou e editou traballos literarios co obxectivo de promovelos máis alá da aula. Incorporámolos aos fondos bibliográficos da biblioteca do centro e editáronse dixitalmente (están dispoñibles para a súa descarga na páxina web do centro).
  • Edición dun disco. Neste proxecto o alumnado formou o seu propio grupo musical para compoñer e representar diferentes versións de cancións. Interpretaron as pezas con instrumentos e voz e aprenderon a gravar e editar o audio.

 

  • Elaboración de pezas escultóricas. Proxecto no que o alumnado creou, a escala real, esculturas inspirándose en elementos do seu contorno, animais, árbores... Estas esculturas integráronse no contorno escolar.
  • Visualización do pensamento a través da fotografía. Os estudantes aprenderon a utilizar unha cámara fotográfica, analizando e reflexionando sobre as fotografías tomadas. Cos materiais e ideas elaborados fixemos unha exposición permanente no noso centro.

 

  • Achegamento á arquitectura a través de maquetas. Neste proxecto creamos maquetas de castelos con materiais de refugallo. Aquelas que estaban mellor deseñadas construímolas a una escala que lles permitise aos nenos e nenas xogar dentro delas.
  • Proxecto pequenos científicos. Realizamos experimentos seguindo o método científico. Os estudantes fixeron de titores e replicaron os experimentos ante alumnos doutros niveis. Algúns destes traballos foron: deseño de distintas potabilizadoras de auga, elaboración de slime, creación dunha estación meteorolóxica, xogo con masa non newtoniana, creación dun volcán, cría de vermes de seda etc.

 

 

  • Gravación de curtametraxes e videoclips. Gravamos e editamos curtametraxes de vídeo, videoclips musicais e animacións coa técnica stop-motion e compuxemos as súas bandas sonoras. Os produtos finais foron proxectados para toda a comunidade educativa. Están dispoñibles en liña a través da web da escola.

 

O antigo Exipto protagoniza os proxectos deste curso 2018/19 e en maio deste ano participaremos na feira educativa Talentlab Lugo. Alí amosaremos o traballo realizado nestes últimos anos, aproveitando a ocasión para enriquecérmonos coas experiencias doutros centros.

Cómpre ter en conta que as escolas rurais adoitan ter pequenas ratios e posúen unha gran capacidade de transformación. O alumnado responde moi positivamente ás novas propostas e metodoloxías, que conseguen implicalos e espertar a súa curiosidade. Así pois, hoxe en día, o illamento destas escolas é facilmente salvable coas novas tecnoloxías. Non hai dúbida, xa que logo, de que as portas e ventás do noso centro están abertas ao mundo.

En definitiva, a innovación na escola é exponencial. Podemos afirmar que, cando os nenos e nenas desenvolven a súa autonomía e teñen a confianza, o apoio e a guía do profesorado, non hai límites na súa aprendizaxe. O resultado? O alumnado é quen de tomar as rendas da súa capacidade de aprendizaxe e desenvolver os seus intereses. Deste xeito, docentes e alumnado somos persoas máis felices.



 

 

Sección: