Todos remando xuntos

Cristina Delgado Delgado
Xoaquín C. Freixeiro Álvarez
María del Carmen García Fernández
Noelia Maceda Gallego
CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa

 

En setembro de 2017, no noso centro xurdiu a posibilidade de embarcarnos nunha experiencia que cambiaría a nosa forma de traballo e de entender a educación. Sen pensalo dúas veces, decidimos subir a bordo dunha aventura que nos levaría, a través do traballo por proxectos, á aprendizaxe cooperativa e a descubrir un modelo de aprendizaxe novo: o SEM (schoolwide enrichment model/ modelo de arrequecemento para toda a escola).

Esta posibilidade veu da man do programa Piteas, promovido pola Consellería de Educación, a Universidade de Santiago e a Fundación Barrié.

No CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa avogamos, desde hai anos, por unha aprendizaxe significativa e inclusiva, baseada na experimentación e o descubrimento, e no que a biblioteca actúa como eixe integrador das diversas metodoloxías e ferramentas innovadoras nun ambiente de traballo colaborativo. Con todo, a partir da nosa inclusión en Piteas centrámonos aínda máis na creación de proxectos de investigación que, partindo dos intereses do alumnado, incrementaron a motivación e o interese por aprender, formulando novos retos e metas.
 

Que supuxo Piteas?

O modelo SEM, como marco organizativo, conferiulle estrutura ao noso labor docente organizando e secuenciando as actividades, e achegando patróns de organización, coa elaboración de documentos que facilitaron o tratamento da información. O portfolio do talento total, rexistro dos intereses, habilidades cognitivas e estilos de aprendizaxe de cada neno, forneceunos dunha visión clara de cada alumno e permitiunos desenvolver o noso labor docente centrándonos en cada neno como individuo único, con intereses, necesidades e talentos diversos que conforman un grupo de alumnado heteroxéneo e diverso. A diferenza converteuse en factor de arrequecemento do grupo e así pescudar os talentos individuais poñéndoos ao servizo dos proxectos foi un dos eixes do noso labor.

Os tres principios de SEM (gozo, compromiso e entusiasmo) fixeron que as aprendizaxes adquiridas a través dos proxectos conectasen directamente coas emocións e tivesen un maior impacto en todos os participantes.

Os produtos finais conectaron o alumnado coa realidade exterior, mergullándoo en procesos de interacción real coa contorna próxima, constatando que as accións emprendidas tiveron impacto fóra das aulas (carreira solidaria, representación teatral…), promovendo cambios e activando o pensamento crítico. Velaí xorde o compromiso social e a autopercepción como parte activa da sociedade.

 

Formación e difusión

Tivemos acceso a unha formación regulada da man de especialistas externos ao centro e, por outra banda, desenvolveuse un proceso de «formación durante o traxecto» cos diferentes equipos de traballo, familias e alumnado.

A formación regulada traduciuse en:

  • Sesións de teoría e práctica SEM, nas que experimentamos técnicas que trasladamos ás aulas.
  • Sesións de mentorización que levaron a cabo procesos de acompañamento, guía e impulso dos proxectos.
  • Cursos específicos para desenvolver ámbitos determinados (oratoria, ciencias, informática...).

O programa Piteas incide na visibilidade dos proxectos levándoos alén das aulas nun proceso de apertura radial: 

  • Apertura dentro do centro escolar. Creáronse equipos de traballo interdisciplinares e implicáronse distintas aulas e niveis.
  • Apertura cara á contorna familiar. As familias participaron a través de reunións, achegas de materiais, colaboración en tarefas específicas...
  • Apertura cara á contorna próxima. Contactamos cos axentes sociais para recoller información, solicitar permisos de uso de espazos públicos... Concello, centro de saúde, distrito forestal ou comercios da localidade foron colaboradores activos.
  • Difusión e medios de comunicación. Para achegar os produtos finais á contorna fixemos campañas publicitarias con carteis, trípticos, invitacións, entradas... Ademais puxémonos en contacto cos medios de comunicación que se fixeron eco das actividades do colexio a través de entrevistas na radio, anuncios publicitarios e máis de 30 artigos de prensa escrita e dixital.
  • A propia Feira de Proxectos Piteas, realizada o 5 de maio en Compostela, foi unha vía de difusión do noso traballo, que posteriormente reproducimos no noso centro para toda a comunidade educativa.

 

Os nosos proxectos

O número de proxectos foron sete e abrangueron desde infantil ata primaria:

  • Non somos heroes (infantil 3 anos)  Concienciámonos de que non temos superpoderes e que, daquela, temos que coidar a nosa saúde. Por iso investigamos sobre o noso corpo: órganos, sangue, doazóns, ósos, alimentación saudable...
  • O horto (infantil 5 anos)  Na horta plantamos alimentos cos que despois elaboramos receitas para o comedor (leituga, tomates, amorodos...). Fixemos un receitario con códigos QR que enlazaban ao blog onde recollemos todas as receitas.
  • Teño unha mascota na casa (1.º primaria) O tema dos animais, recorrente nos gustos dos nenos, levounos a falar das mascotas. Tivemos un Día da Mascota no Cole no que amosaron que coidados son necesarios para cada animal.
  • Investigalume (2.º primaria)  Os incendios do ano 2016 asolagaron Valdeorras cun nuboeiro de fume e cinzas que apagou o Sol, pero acendeu a conciencia do alumnado. Había que loitar contra o lume e coidar da nosa contorna, e así naceu unha representación teatral que concienciou, e moito, a todos os espectadores que a viron.
  • Animais mitolóxicos (3.º A primaria) Gústannos os animais, pero aínda máis os misterios que gardan. Gústannos os animais que nunca vimos e preguntámonos se puideron existir ou son froito da imaxinación.
  • Explorando a galaxia 3B-nus (3.º B primaria) Quen non se preguntou como é o espazo sideral e como será a vida dun astronauta. Sobre este proxecto concreto falaremos un pouco máis adiante para facernos unha idea de como se formularon as actividades e tarefas nos proxectos do colexio.
  • Pelo, «pico», escama (4.º e 5.º primaria)  De novo os intereses do alumnado lévannos aos animais; desta volta queriamos colaborar coas protectoras locais no coidado dos animais que sofren abandono. Decidimos intentar recadar fondos, comida e accesorios a través dunha carreira-andaina popular, que tivo un éxito total, e coa axuda dos establecementos locais.

Todos os proxectos tiveron un proceso de procura de información e de deseño de actividades que desembocaron nunha tarefa final. Houbo que traballar arreo e esforzarnos por cambiar a mentalidade, deixar a un lado o libro de texto e centrarnos en traballar os contidos do currículo desde un proxecto único de xeito interdisciplinario e globalizado.
Aínda así, os resultados foron moi positivos, xa que as aprendizaxes nos deixaron pegadas indelebles.

Anatomía dun proxecto

Para mellor entendermos estes aspectos, imos tomar como exemplo un dos proxectos realizados. O alumnado de 3.º B preguntábase: «Onde van as estrelas cando sae o Sol? Que son os buracos negros? Como é o Sol?...» Xorde a curiosidade, a necesidade de comprender, a aventura do saber!As dúbidas puxéronnos no camiño de saír da nosa zona de confort e buscar respostas: algunhas atopámolas, outras… seguimos na súa procura!

A metodoloxía, marcada polo modelo triádico de Renzulli, desenvolve o traballo do alumno en tres niveis de actividades, que funcionan harmónica e dinamicamente:

  • Actividades tipo I: son actividades de motivación, estimulación e exploración.  Algunhas das actividades realizadas foron: escribirlle á Axencia Espacial Europea solicitando información, ver o vídeo que enviou Pedro Duque como resposta, charla cun astrónomo da localidade, visita ao reloxo solar do paseo do Malecón do Barco…

 

  • Actividades tipo II: son as actividades que promoven a aprendizaxe de habilidades, metodoloxías concretas e destrezas que perseguen desenvolver capacidades metacognitivas. Realizáronse actividades de investigación e de análise e síntese de textos. Tamén aprendemos a citar bibliografía, fixemos rutinas de pensamento e elaboramos portfolios. Así mesmo, deseñamos lapbooks sobre o Universo, fixemos galletas espaciais, elaboramos un planetario, recreamos as fases da Lúa de forma plástica, fabricamos un xogo de Pasapalabra do Sistema Solar, ideamos un xogo de mesa cos Escornabots, gravamos un anuncio publicitario para a prensa local…

 

 

  • Actividades tipo III: o alumnado creou produtos reais que foron presentados ante un público auténtico. Difundimos no blog os nosos traballos, presentámoslle o noso proxecto ao alumnado doutros centros na casa da cultura, na Feira de Proxectos de Piteas na Cidade da Cultura ante outros centros de Galicia, e diante da nosa comunidade educativa na Feira de Proxectos do noso colexio...
  •  

 

Toda a comunidade educativa facilitou o noso proxecto de distintos xeitos, ben subministrando recursos materiais e colaborando na presentación do proxecto, ou ben achegando ideas, motivando o alumnado, elaborando traballos na casa, buscando información na biblioteca escolar, acudindo ás reunións informativas e/ou de coordinación ou visitando o noso posto.

Queremos aclarar que prescindir do libro de texto non implicou unha improvisación senón que respondeu a unha planificación educativa que, partindo do respecto á individualidade, promoveu o desenvolvemento dos talentos orientados a acadar un fin común e sentou as bases para unha formación do alumnado como individuos capaces, libres e comprometidos coa sociedade da que forman parte.

 

Concluíndo

Como conclusión, consideramos que a apertura dos proxectos tivo consecuencias moi positivas, como a visibilidade acadada ou a ampla participación e implicación dos diferentes axentes sociais; un traballo planificado, implicado, cunha base teórica firme e con proxección cara ao exterior dótanos de argumentos para poñer en valor o labor docente.

Neste punto, faise preciso sinalar que a visibilidade, sendo fundamental, non é un obxectivo. Cómpre ter claro que a proxección debe ser unha consecuencia dentro dun traballo ben feito e non un fin para lograr en si mesmo. O fundamental atópase na dimensión humana, en cada unha das persoas da comunidade educativa que formamos parte do proceso de ensino e aprendizaxe.

 

 

 

Sección: