A nosa axenda é de nós

A elaboración da axenda escolar para este curso non foi máis ca unha escusa para estes alumnos e alumnas do IES Ánxel Fole que investigaron as orixes do centro e a figura do escritor que lle dá nome. O que empezou sendo unha indagación na historia do seu contorno converteuse nunha revelación das súas inquietudes, que non son máis ca as inquietudes dos seus compañeiros e compañeiras, e no sentimento de orgullo de pertenza ao instituto.

Felisa Redondo Valín
felicia@edu.xunta.es
Profesora de Lingua Castelá e Literatura no IES Ánxel Fole (Lugo)

 

Introdución

Palabra, acción, traballo cooperativo e creatividade son os principios nos que se basea a experiencia “Obras son amores”. A elaboración da axenda é unha actividade máis das que se desenvolveron ao longo do curso nese proxecto. Mais, por que unha axenda? A iniciativa partiu dun grupo de alumnos e alumnas de cuarto da ESO que sentiron como unha necesidade personalizar un instrumento de traballo tan relevante para eles. A axenda escolar está sendo unha ferramenta de comunicación e planificación adoptada na maioría dos centros educativos. Sen dúbida, saber organizarse e planificar son competencias fundamentais que debe adquirir o alumnado nesta etapa educativa. Así, ano tras ano, os nosos estudantes reciben un caderno que serve de vehículo de comunicación entre familia, profesorado e alumnado, e facilita o seu traballo diario. Se a importancia para a súa aprendizaxe é tal, por que non axeitala ás súas necesidades, inquietudes, gustos, proxectos? Estas foron, pois, as premisas que motivaron a materialización da axenda.

Obxectivos

  • Desenvolver as competencias clave: lingüística, dixital, social e cívica, aprender a aprender, sentido da iniciativa e espírito emprendedor, conciencia e expresións culturais.
  • Fomentar o traballo cooperativo. O alumnado organiza grupos de traballo para obter un mesmo produto final. Promóvese o sentimento de responsabilidade: cada estudante é unha peza clave para a consecución da tarefa.
  • Mellorar as competencias sociais do alumnado. O traballo cooperativo require intercambiar opinións, debater e chegar a acordos.
  • Utilizar internet como fonte de información, saber buscar e seleccionar información.
  • Respectar o traballo alleo facendo mención das fontes de información.
  • Servirse das ferramentas, tanto da plataforma Moodle como da rede para deseñar a axenda.
  • Investigar as orixes do centro e a elección do nome do instituto.
  • Dar a coñecer aos seus compañeiros e compañeiras tales orixes e fortalecer o orgullo de ser membros do centro.
  • Fomentar o coñecemento e o sentimento de respecto polo patrimonio cultural polo seu valor intrínseco.
  • Transmitir o valor e o poder das palabras recompilando e elaborando frases de motivación.
  • Reflexionar sobre as técnicas de estudo, sintetizar e pautar estratexias por avaliacións.
  • Presentarlle a axenda á Dirección para a súa aprobación e para ser utilizada no próximo curso escolar polo alumnado do centro.
  • Incentivar a creatividade e a autoestima no alumnado polo recoñecemento do traballo realizado.

 

Metodoloxía e recursos

O traballo planificouse dende a aula virtual que facilitou a elaboración da axenda nun prazo de dúas semanas. A plataforma Moodle constitúe un instrumento eficaz no traballo cooperativo pois posibilita comunicar, debater, acordar, traballar de forma compartida, recompilar e clasificar, vincular recursos, ferramentas e páxinas de interese.

Pautouse o traballo en varias fases:

PRIMEIRA FASE. Propoñemos e debatemos

A través do foro na aula virtual, o alumnado realiza propostas e suxestións para a axenda escolar. Debátense e tómanse decisións. Tras a observación das proposicións, planifícase o traballo a través da ferramenta Libro na Plataforma. Vincúlanse recursos, enlaces (dicionarios, correctores, páxinas de titoría, calendarios) e bibliografía.

SEGUNDA FASE. Recompilamos e organizamos

Tras investigar a orixe do centro e do nome do instituto a través de fontes documentais e entrevistas a persoas coñecedoras dos inicios, o alumnado sérvese tanto da rede como da biblioteca escolar e provincial para indagar sobre a figura de Ánxel Fole. Logo, utilizando o recurso da base de datos, compila e clasifica a seguinte materia: datos biográficos e curiosidades do autor, frases célebres para incluír cada mes, frases alentadoras para cada avaliación, técnicas de estudo, imaxes e fotografías, emoticonas, páxinas web de interese para recomendar.

TERCEIRA FASE. Deseñamos

Os estudantes reparten o traballo e utilizan un documento compartido en Google Docs para verter a información. Elaboran táboas (horarios de estudo, propostas de lectura, dedicatorias, frases célebres), comunicados e listaxes de ligazóns ou enderezos de especial interese. Sérvense de Paint para deseñar ou modificar imaxes.

Axenda escolar

 

CUARTA FASE. Entrevistamos

A investigación da figura de Fole lévaos ao coñecemento dun dos máis prestixiosos expertos na materia: Claudio Rodríguez Fer. Descobren que este investigador impartira clases no instituto e promovera distintas actividades para achegar e honrar a figura do escritor lucense. Un alumno encárgase de facerlle unha entrevista persoal coa finalidade de coñecer de primeira man todo o proceso e entender o interese pola figura de Fole.

QUINTA FASE. Presentamos e divulgamos

Finalmente, soben a Calameo o resultado para presentalo á Dirección.

 Acceso á axenda

 

Claudio Rodríguez Fer e Santiago Argüeso Galván, alumno do instituto, no despacho do poeta na Facultade de Humanidades de Lugo

 

 

 

 

A Deputación de Lugo encárgase da impresión e encadernación das axendas e os alumnos e alumnas do instituto reciben un exemplar. No mes de febreiro do presente curso Claudio Rodríguez Fer imparte unha charla “"Encontro con Fole: un vello e un rapaz" no noso centro. Recibímolo cun vídeo que recolle a traxectoria vital entre ambos os dous escritores.

 

 

Conclusións

Hai que salientar a implicación e a motivación constante do alumnado á hora de realizar a axenda escolar e colaborar, en definitiva, en todas as fases do proxecto. O interese mostrado polos estudantes viuse incrementado pola responsabilidade de lles legar aos seus compañeiros e compañeiras tal ferramenta. Ademais, o feito de investigar as orixes do centro e a figura do escritor que lle dá nome acrecentou, tanto nos estudantes que articularon a axenda como no alumnado que a recibiu, o respecto e o orgullo de formar parte dese lugar. Utilizar un recurso deseñado polos seus compañeiros e compañeiras xerou expectación e curiosidade. Non se trata de alguén alleo que lles conta a historia do seu instituto, senón que constitúe un traballo de investigación e reflexión próximo e vivido. Esa é a razón do título desta actividade: A nosa axenda é de nós, non só para expresar o sentido de posesión, senón tamén para subliñar a idea de orgullo de pertenza ao instituto e para manifestar, a través do deseño e do contido, os nosos gustos, as nosas inquedanzas, as nosas necesidades. A axenda vai do noso contorno, a axenda vai de nós.

 


 

Bibliografía: 

 

MARTÍNEZ FERNÁNDEZ DE LA VEGA, Ángel (2003). Ánxel Fole. 101 anécdotas. Vigo: Xerais.

RODRÍGUEZ FER, Claudio (1997). Ánxel Fole: 1903-1986: unha fotobiografía. Vigo: Xerais.

RODRÍGUEZ FER, Claudio (1997). Ánxel Fole. Vida e obra. Vigo: Xerais.

VVAA (1986). Os escritores lucenses arredor de Fole. Lugo: Concello de Lugo.

DÍAZ CASTRO, X. M. (1961). “Terra do tempo” en Nimbos. Vigo: Galaxia

Ntic.educacion.es. APRENDER A ESTUDIAR. Dispoñible en: http://ntic.educacion.es/w3/eos/MaterialesEducativos/mem2006/aprender_estudiar/index2.html [Acceso: 21 nov. 2011].

BLOG

Sección: