Qué vemos cuando leemos. Una fenomenología con ilustraciones

Peter Mendelsund. Editorial Seix Barral. Barcelona, 2015. 447 páxinas

 

Peter Mendelsund é un dos ilustradores máis recoñecidos da literatura estadounidense. É director asociado de arte na editorial Alfred A. Knopf e os seus deseños de cubertas de libros foron descritos nalgunha ocasión como as cubertas de libros máis icónicas e facilmente recoñecidas da ficción contemporánea. Algúns destes reveladores deseños poden verse no seu blog.


Este ilustrador leva varios anos reflexionando sobre a idea expresada por Oliver Sacks de que as persoas ven máis ben coa mente ca cos ollos. Esta hipótese permítelle a Mendelsund construír as reflexións que recolle no libro do que falamos. O autor insiste en que as palabras poden evocar moitas asociacións e confronta a semántica da narrativa literaria coa da fílmica: “As películas e os libros non poden ser máis diferentes. Á xente sempre lle choca ver en imaxes os personaxes e paisaxes que imaxinara”. O autor conclúe que o poder connotativo e simbólico da novela é sempre moito maior, de aí que ao vermos unha película da que xa lemos o libro, moitas veces non nos coincidan paisaxes ou personaxes.


Este ilustrador indaga sobre que tipo de representacións se producen na mente do lector durante o proceso de lectura e pregúntase que imaxes suscitan na nosa mente novelas tan emblemáticas como Ulises, Ana Karenina, Al faro etc. Mendelsund intenta responder estas preguntas afirmando que unha parte do que imaxinamos como lectores non o di o autor do texto, xa que unha novela invita a divagar.


Este ilustrador de cubertas de libros, curiosamente, di que as cubertas son interpretacións de textos e que el prefire ler con ollos virxes; mergúllanos nesta fermosa edición ilustrada polo proceso creativo que a nosa mente pon en movemento cando lemos un libro. Un libro para pensar, gozar das ilustracións e fantasiar, pois o autor considera que “Soñamos espertos cando lemos”.

Sección: